Inicio
Ao día

Ao día!

13/10/2023

Tecnoloxía galega para axudar no diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas

Comparte este artigo

A empresa biotecnolóxica Qubiotech comercializa un software capaz de analizar imaxes do cerebro de forma automatizada e detectar anomalías que escapan ao ollo humano

Na práctica clínica, a correcta interpretación das imaxes do cerebro para a detección e diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas é unha das grandes preocupacións dos profesionais médicos.

Para dar resposta a iso, naceu a finais de 2014 a empresa biotecnolóxica Qubiotech, con base na Coruña. Fíxoo a partir da transferencia dun algoritmo de cuantificación de imaxe por Tomografía de Emisión de Positróns (PET), desenvolto polo Grupo de investigación en Medicina Nuclear e Imaxe Molecular da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), liderado polo investigador Pablo Aguiar. “Trátase dun grupo que, ao estar fisicamente no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, está en contacto moi directo coa realidade clínica asistencial, tanto dos profesionais como dos pacientes. Isto permitiu desenvolver un software deseñado precisamente para encaixar á perfección no día a día desa realidade e solucionar necesidades reais, con vantaxes que non ofrecían outros produtos no mercado”, explica Daniel Fernández, xerente de Qubiotech.

O resultado desa investigación deu lugar a unha solución tecnolóxica denominada Neurocloud, centrada en axudar aos médicos para identificar as zonas anormais do cerebro, en comparación cun cerebro san. “A imaxe de tomografía é complicada de interpretar para os médicos nucleares, xa que o cerebro é un órgano complexo. As imaxes non amosan estruturas anatómicas, senón mapas de cores que indican a actividade metabólica desa zona. En moitas ocasións, os profesionais deben tomar decisións difíciles a partir de información complexa de interpretar”, detalla Daniel.

A vantaxe desta tecnoloxía, respecto doutras existentes no mercado, é que ofrece unha gran facilidade de uso e permite unha automatización total do proceso, xa que non esixe ningunha intervención por parte do profesional, reducindo así os tempos, algo fundamental na práctica clínica para optimizar a eficiencia do proceso. Doutra banda, a validación clínica con pacientes que se levou a cabo no Hospital Universitario de Santiago tamén demostrou que, nun 25% dos casos, achegaba unha información nova e relevante, axudando a refinar e acertar no diagnóstico. E sumado a iso, Neurocloud ofrece unha información que é imposible de obter polo médico de forma visual: unha cuantificación de que tan diferente é unha zona respecto dun individuo san, o que introduce novas variables no diagnóstico. “En definitiva, todas estas vantaxes permiten que Neurocloud sexa un produto que se integra moi ben no fluxo clínico solucionando necesidades inmediatas, algo que foi clave na súa implantación no mercado”, explica Daniel Fernández.

Actualmente, Qubiotech ten presenza en 30 hospitais en España e Portugal, para o seu uso en medicina nuclear, radioloxía, epilepsia, etc.

Coa vista posta no futuro, a empresa está centrada en dous retos clave. O primeiro deles, a súa internacionalización, na que xa están a realizar os seus contactos iniciais e primeiros pasos. O outro é seguir desenvolvendo novos produtos, comezando por solucións de I+D centradas no campo de oncoloxía. Neste aspecto, están a participar no proxecto DIAGBI, que coordina o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC e que conta co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación. O seu obxectivo é desenvolver unha nova tecnoloxía que permita o diagnóstico temperán e o seguimento non invasivo dos tumores cerebrais máis agresivos e con menor esperanza de vida para os pacientes, como son os glioblastomas.

Qubiotech é unha das empresas máis destacadas e recoñecidas do panorama biotech galego. Para Daniel Fernández, “o sector está a progresar adecuadamente e crece de forma sostida e con sentido. E é que, para que creza, non só fai falta coñecemento, financiamento, servizos auxiliares, etc. senón que todo o ecosistema creza á vez e isto é algo que se está facendo moi ben. O coñecemento que se xera nos centros de investigación está ao máximo nivel. Iso si, hai que seguir mellorando no acceso ao financiamento e tamén fai falta seguir dando ferramentas para a transferencia, para que ese coñecemento se converta en valor económico no mercado”, conclúe.