Inicio
Actualidade

Ao día!

22/11/2023

Galicia contará coa primeira planta integral de proteínas vexetais en España

Comparte este artigo

Co fin de axilizar os trámites para a súa implantación, a Xunta declarou como iniciativa empresarial prioritaria a futura planta que a empresa In Proteins for All proxecta construír no Polígono Industrial de Curtis-Teixeiro

In Proteins for All, empresa biotecnolóxica constituída en 2022, construirá en Curtis a primeira planta integral de proteínas vexetais en España para procesar legumes e outras materias primas de orixe vexetal cunha tecnoloxía de extracción e transformación de proteínas híbrida, combinando química verde con biotecnoloxía.

Cun investimento previsto de 16,9 millóns de euros, o seu obxectivo é fabricar proteínas vexetais concentradas, illadas e hidrolizadas funcionais de aplicación no campo da alimentación humana. De feito, a súa misión busca dar resposta a un dos grandes retos da sociedade. “O noso proxecto créase co obxectivo de contribuír a que o actual sistema alimentario poida facer fronte a retos como a sobrepoboación. Os recursos naturais son limitados e debemos optimizalos para poder alimentar á crecente poboación de forma sustentable e saudable. As proteínas vexetais e sobre todo as obtidas de leguminosas permiten alimentar a máis xente con menos recursos e a súa combinación con proteínas de orixe animal como as lácteas fan que poidamos achegar unha solución óptima á sociedade”, explica Ana Caamaño Vara, socia fundadora e directora xeral da iniciativa.

Nacida en Muros e cunha sólida traxectoria profesional no sector biotecnolóxico, Caamaño é á súa vez directiva de Cleariver Ventures, unha sociedade de capital orientada a investir na industria biotecnolóxica. Ademais, tamén traballou para unha das grandes industrias internacionais especializadas en ingredientes para a alimentación, a irlandesa Kerry.

“Con este proxecto atopámonos dentro dos sectores agroalimentario e biotecnolóxico, estratéxicos para Galicia, innovando na área da alimentación, achegando ingredientes de alta calidade con plena rastrexabilidade e con proxección internacional que darán visibilidade á nosa Comunidade como un referente foodtech no ámbito das proteínas vexetais”, sinala. Ademais, o seu impacto económico é clave.

“Aspiramos a crear máis de 300 postos de traballo, entre directos e indirectos”, destaca pola súa banda Héctor Ara Sanz, socio promotor, director xeral de estratexia corporativa e relacións con investidores da iniciativa, tamén cunha traxectoria de máis de 30 anos no sector farmacéutico e biotecnolóxico, así como fundador de Suanfarma.

Unha aposta pola sustentabilidade e a economía circular

As instalacións produtivas de In Proteins for All en Curtis disporán de 3 liñas de produción: Orixe (proteínas concentradas a partir de lentella, garavanzo, faba e chícharo), Imagine (blending e formulacións especiais de proteínas vexetais de aplicación en nutrición deportiva e clínica) e Next (liña de modificación funcional de proteínas). As producións levaranse a cabo a baixas temperaturas con optimización da enerxía, reutilización da calor e auga. Ademais, o deseño da planta realizouse baixo o concepto de economía circular, onde os coprodutos xerados se transformarán en ingredientes de alto valor engadido para sectores como o da alimentación animal ou de mascotas e a acuicultura.

Actualmente atópanse na fase de I+D e innovación, desenvolvendo funcionalidades das proteínas vexetais e replicando o seu proceso produtivo na planta piloto de Sevilla para a súa optimización, así como terminando o deseño dun proceso de economía circular que permitirá revalorizar os coprodutos xerados na planta industrial.

“Desde o punto de vista industrial terminamos o estudo do anteproxecto e enxeñaría básica e procederemos á compra dos terreos nas seguintes semanas para proceder ao comezo das obras no primeiro trimestre 2024, segundo o planificado”, explica Caamaño. Teñen previsto que a posta en marcha e arranque da produción se realice no último trimestre do 2025.

Iniciativa Empresarial Prioritaria para Galicia

A elección de Galicia para instalar a súa planta produtiva non foi casualidade, aínda que Ana Caamaño recoñece a satisfacción emocional de poder volver a Galicia tras desenvolver a maior parte da súa carreira profesional fóra dela. “O polígono de Curtis-Teixeiro foi considerado como a ubicación óptima debido a diversos criterios obxectivos e estudados, fronte a outras catro posibles localizacións dentro do territorio nacional” explica, sinalando como factores clave para a decisión final as súas boas comunicacións, o capital humano, o sólido ecosistema biotecnolóxico galego, a excelente calidade da auga, fundamental para o seu proceso produtivo, así como as sinerxías con outras industrias situadas na zona. E é que, de feito, en Curtis xa opera Inleit, unha industria orientada á extracción de proteína láctea, co que a posta en marcha da planta In Protein for All converterá ao polígono de Teixeiro nun dos principais da proteína alimentaria en España.

Finalmente, o apoio da Xunta de Galicia foi outro factor crucial. “É un proxecto que negociamos con outras comunidades autónomas e a Xunta foi máis rápida e máis dilixente en xestionar todo. Estivemos traballando con xente moi implicada en traer valor a Galicia e en apostar pola tecnoloxía e por este sector”, sinala Héctor Ara.

“A declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP) foi clave para decidirnos á implementación en Galicia polo compromiso coa innovación e a alimentación saudable, a sustentabilidade e a economía circular, así como o recoñecemento da nosa experiencia con máis de quince anos de traballo no sector das proteínas vexetais a nivel internacional. Ser declarado o noso proxecto como IEP materializa o apoio da Xunta a que os nosos prazos de implementación proxectados se leven a cabo para que as fases de industrialización e lanzamento comercial e produción sexan unha realidade para finais do 2025”, recalca Caamaño.

Tamén pode interesarche