Inicio
Actualidade

Ao día!

03/01/2024

Impulsando desde Galicia a revolución do big data

Comparte este artigo

A explotación da análise masiva de datos é unha tecnoloxía en auxe e a empresa coruñesa Torusware contribúe a que compañías de diferentes sectores poidan aproveitar o seu potencial

Todas as organizacións que recompilan información dispoñen de datos dispersos en diferentes fontes: clientes, empregados, sistemas de información, procedementos, sensores, redes sociais etc. Pero todos eses datos non serven de nada se non se utilizan. Aí radica a proposta de valor no mercado de Torusware, unha startup tecnolóxica fundada en 2013 por un equipo de investigadores do Centro de Investigación en TICs (CITIC) da Universidade da Coruña, contando tamén co apoio da Fundación Barrié.

O núcleo fundador, conformado polos catedráticos da UDC Guillermo López Taboada, Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica, xunto cun equipo humano de alta cualificación, formado por enxeñeiros, masterados e doutores en informática maioritariamente, especializouse en tecnoloxías e proxectos de transformación dixital das organizacións a través da explotación dos datos e os procesos de desenvolvemento software. “Respondemos á necesidade das organizacións de explotar a súa big data: o conxunto dos seus datos usualmente dispersos e desestructurados. Incrementouse o interese por procesar esta información en tempo real, para crear novos servizos e adaptalos a cada consumidor”, explica Guillermo López Taboada, CEO e cofundador da compañía, recoñecida no informe Ardán 2021 como a primeira empresa de Galicia en innovación e en xestión de talento.

En Torusware desenvolven tecnoloxía e proxectos que se poden clasificar en dous ámbitos: o de provisión de lagos de datos (data lakes) corporativos na nube e o despregamento de plataformas de apoio ao desenvolvemento produtivo de software baseado en tecnoloxías de apoio a DevOps (combinación dos termos ingleses development – desenvolvemento – e operations – operacións –, que designa a unión de persoas, procesos e tecnoloxía para ofrecer valor aos clientes de forma constante).

Ambas as tipoloxías de proxectos son dimensións da mesma realidade: achega de valor aos datos e mellora da experiencia de cliente. Guillermo López Taboada, director de Torusware, cita un exemplo: “Nun dos nosos proxectos explotamos datos de distintas fontes (pedidos, produción, clientes e posicionamento en tempo real) para mellorar a calidade de repartición en loxística, incrementando a satisfacción co servizo e deste xeito o valor engadido do noso cliente”.

Torusware factura na actualidade máis de 2 millóns de euros e conta cun equipo de 35 profesionais. Traballan fundamentalmente para grandes organizacións e empresas innovadoras con vocación global, en sectores como telecomunicacións, retail, banca, construción, industria aeronáutica e automotriz, así como tamén co sector público, desde Smart Cities, gobernos autonómicos e administración xeral do Estado, ata empresas públicas no ámbito do transporte.

Posicionando a Galicia no sector TIC

Torusware conta cunha alta vocación innovadora, con participación en proxectos autonómicos, nacionais e europeos altamente competitivos, e aposta polo valor do coñecemento e a capacitación do equipo.

Son un caso de éxito de como se pode competir e liderar desde o local no sector tecnolóxico. “As empresas do Clúster TIC, agrupación sectorial galega, somos competitivas no mercado global. O ecosistema está engranado e asume retos relevantes como son a Cidade das TIC e a sede da AESIA que, aínda que situadas ambas na Coruña, son activos intrinsecamente galegos con impacto global”, precisa Guillermo López Taboada. “Na área metropolitana da Coruña somos 700 empresas e 7.200 empregos, e aquí emerxemos como unha das 10 primeiras compañías tecnolóxicas con sede na área, tanto en facturación como en emprego. Os nosos clientes son compañías internacionais e competimos con provedores a nivel global demostrando unha vez máis que na sociedade do coñecemento, sen barreiras ou limitacións físicas, xeográficas e de infraestruturas, é posible optar a oportunidades no mercado global”, explica.

Neste contexto, afirma que a futura sede de AESIA abrirá novas oportunidades, ofrecerá unha maior visibilidade e posicionará a Galicia e ao sector como un polo tecnolóxico clave a nivel nacional e internacional.

“Aínda que os profesionais galegos levamos anos dando mostras do noso bo facer non é ata recentemente que as empresas e agora as institucións son referentes, constituíndo un polo tecnolóxico de altísimo potencial. A Coruña foi elixida sede da AESIA polo apoio institucional sen reservas de todas as administracións; o concurso do sector, que no seu crecemento, xeración de valor e a Cidade das TIC mostra a súa puxanza; e por último pola xeración de coñecemento de primeiro nivel, tanto en formación, a distintos niveis, desde ciclos formativos competitivos, formación dual, a titulacións líderes no seu ámbito. E tamén o contar coa Universidade da Coruña e en particular o seu Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicación (CITIC), primeiro centro singular galego neste campo que concentra a case a metade das investigadores TIC de Galicia. É o de maior alcance en Intelixencia artificial, materia na que está especializado así como computación de altas prestacións, en ciencia e enxeñería de datos, servizos e redes intelixentes e ciberseguridade”, conta.

De fronte ao futuro, o reto máis inmediato de Torusware é “ampliar o número de proxectos estratéxicos que pasen da análise dos datos á súa explotación, que permitan dar apoio á optimización de procesos no día a día”, detalla. E a medio prazo “seguir ampliando as súas canles de distribución a través de ferramentas de despregamento de data lakes e solucións de DevOps por medio de compañías integradoras da nosa tecnoloxía”.

Tamén pode interesarche