Convocatoria 2023plazo pechadoPrazo pechado:  24/10/2023 - 23/11/2023
Consellería de Economía, Industria e Innovación

IG622B - Axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios).

PARA QUE É A AXUDA/SUBVENCIÓN

Incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais.
 
Así mesmo, preténdese incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.
 
Establécense dúas liñas de axudas:
Galicia Exporta Empresas, dirixida ás pemes galegas.
Galicia Exporta Organismos Intermedios, dirixida a organismos intermedios empresariais de Galicia.
 

QUEN PODE SOLICITALA?

1. Poderán ser beneficiarias da Liña Galicia Exporta Empresas:

As empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable ás empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

2. Poderán ser beneficiarias da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios:

a) Os organismos intermedios empresariais de Galicia.

Este concepto inclúe as asociacións empresariais, confederacións empresariais (domiciliadas en Galicia), os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústeres empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, así coma os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Enténdese por clúster empresarial para os efectos destas bases, as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.

Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas –que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión e que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia– que participen directamente nas accións subvencionadas e ás cales se lles imputará a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos últimos tres exercicios fiscais.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

c) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarase por parte das sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, de conformidade co previsto no artigo 26 do Regulamento desta lei.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme ao artigo 5.

QUE PRAZO HAI PARA FACELO?

Prazo de presentación

PECHADO

24/10/2023 - 23/11/2023

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo dun mes, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.